O programa de voluntariado medioambiental do Concello suma 180 participantes
Os labores de cooperación céntranse estes días na erradicación dunha especie de planta invasora na zona húmida da Bouza. O alcalde destaca a importante participación nas hortas urbanas “cunha mobilización de case 500 persoas”.
![Persoas voluntarias participan na retirada de plantas invasoras na zona húmida da Bouza](https://xornal.vigo.org/storage/images/opt/083g1bFQvuc5e0JggovUk0b0wAIzELu62Xv2Z3Zy.jpeg)
Na rolda de prensa deste mércores Abel Caballero informou dos traballos que están realizando estes días os voluntarios do programa municipal de voluntariado ambiental Camiño a Camiño na zona húmida da Bouza. Hai 11 persoas que participan na retirada da Tradescantia fluminensis, unha especie exótica invasora que ten unha grande capacidade colonizadora e que, no caso deste espazo, está tapizando importantes superficies, desprazando á flora autóctona.
A acción do voluntariado consiste en atallar a súa expansión e, durante as próximas semanas, facer actuacións co fin de reducir a súa zona de actuación e erradicala. Previamente, as persoas voluntarias recibiron formación por parte dun técnico da área de Medio Ambiente na que se lles explicou o impacto que ten esta planta no ecosistema e cal é a técnica de retirado
O alcalde expuxo que, nesta nova edición de 2022, o programa de voluntariado ambiental do Concello conta coa participación de 180 persoas: cen realizan labores comunitarias en hortas (arranxando camiños, arrombando os espazos para que poidan traballar despois os usuarios) e, amais destes voluntarios, as hortas contan con 300 persoas usuarias plantando e colectando, o que supón “unha mobilización de case 500 persoas nas hortas urbanas”.
Amais, o Concello conta con outros 80 voluntarios participan nos diferentes programas activos: conservación e mantemento de sendeiros locais, retirada de especies invasoras no Monte da Guía e en distintos areais vigueses, acompañamento de cans da protectora e a protección da bolboreta arlequín.
Ademais, este ano o goberno municipal incorpora como novidade o voluntariado en Vigozoo, “no que estamos facendo unha transformación radical. Non queremos un zoolóxico con animais salvaxes en catividade, é unha crueldade absoluta”, apuntou o rexedor, que engadiu que se está transforman o zoo nunha aula medioambiental urbana no que 15 persoas voluntarias colaboran con labores de conservación e enriquecemento ambiental para a reconversión do espazo.